Saturday 20 de April de 2024

A Xunta destaca a importancia de avaliar e aplicar medidas de prevención nas empresas para protexer a saúde mental dos traballadores


— A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe por videoconferencia na apertura da xornada Avaliación e xestión de factores psicosociais en pequenas empresas do sector do granito

— Indicou que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) colabora dun xeito activo coas asociacións e empresas no asesoramento específico para a mellora continua das condicións de traballo de seguridade e saúde do tecido produtivo galego

— Sinalou que as campañas autonómicas para a protección contra a sílice cristalina, en colaboración coa Inspección de Traballo, melloraron os índices de cumprimento da normativa sen a necesidade do inicio de expedientes sancionadores

— Avogou por seguir impulsando a colaboración pública e privada en materia de prevención de riscos laborais

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe a necesidade de seguir impulsando a avaliación e a aplicación de medidas nos centros de traballo para evitar os riscos psicosociais e, deste xeito, protexer a saúde mental das persoas traballadoras. A responsable autonómica participou hoxe por videoconferencia na xornada Avaliación e xestión de factores psicosociais en pequenas empresas do sector do granito, unha iniciativa organizada polo Clúster do Granito, coa que colabora a Xunta.

Mancha puxo en valor o traballo que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) neste ámbito, destacando o asesoramento específico que ofrece ás asociacións e empresas para o desenvolvemento de estudos e medidas de prevención para facer fronte aos riscos psicosociais. Segundo explicou a directora xeral, a covid-19 evidenciou a necesidade de que as empresas afronten este tipo de riscos para protexer tanto a saúde física como mental dos seus traballadores. Neste senso, recordou que a lexislación española de prevención esixe ás compañías que avalíen estes posibles riscos e adopten medidas preventivas “como único camiño para evitar a enfermidade mental”, engadiu.

Mancha avogou pola colaboración pública e privada para seguir loitando contra a sinistralidade laboral. “A iniciativa privada e pública consegue ano tras ano mellorar as condicións de traballo a través da concienciación e a formación dos empresarios e dos servizos de prevención, como das persoas traballadoras”, apuntou. Ao respecto, puxo como exemplo as campañas específicas dirixidas ao sector do granito que o Issga, en colaboración coas empresas e a Inspección de Traballo, desenvolve para evitar riscos hixiénicos nos centros de traballo e que teñen como principal obxectivo a protección contra a sílice cristalina. “Estas campañas teñen grandes resultados, xa que se melloraron as índices de cumprimento da normativa sen necesidade do inicio de expedientes sancionadores”, subliñou. Mancha destacou que Galicia foi pioneira, xunto con Euskadi, no desenvolvemento destas campañas, converténdose nun exemplo para outras comunidades autónomas.

Para rematar, Mancha resaltou a importancia de que as organizacións empresariais, en colaboración coa Xunta, sigan organizando xornadas informativas coas que se axudan ás empresas e aos servizos de prevención a mellorar as condicións de seguridade e saúde dos traballadores. A Consellería de Emprego e Igualdade, de feito, destina máis de un millón de euros ao ano a apoiar ás asociacións empresariais, sindicais ou clústers, entre outros, na realización deste tipo de iniciativas.